Wednesday 24 de April de 2024

Trenor informou que a Secretaria Xeral para o Deporte repartiu 350.000€ entre 21 entidades deportivas de Ferrolterra


As achegas serven para apoiar o funcionamento destas organizacións, favorecer a participación dos clubs en ligas ou campionatos oficiais, contribuír á promoción do deporte de base e para a compra de material

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o club Basketmi de Ferrol para informar das axudas que a Secretaría Xeral para o Deporte destinou, o ano pasado, aos clubs deportivos de Ferrolterra para que poidan desenvolver as súas actividades, participar en competicións e renovar o seu material deportivo. Concretamente, esta entidade, centrada na modalidade de baloncesto en cadeira de rodas, contou cunha axuda de 14.000 euros para financiar as súas actividades e outros 20.000 euros para a adquisición dunha furgoneta.

Gonzalo Trenor, apuntou que “os clubs deportivos de Ferrol e comarca recibiron en total máis de 350.000 euros en axudas para o desenvolvemento das súas actividades. Trátase de achegas destinadas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións escolares”. En total, 21 organizacións deportivas ferrolás pertencentes ás máis variadas disciplinas, recibiron estas achegas.

O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas axudas é a de apoiar as actividades e a participación dos clubs en ligas ou campionatos oficiais de ámbito galego, estatal ou internacional, así como tamén facilitar o material necesario para que poidan desenvolver as súas actividades”. Segundo indicou Trenor “trátase de contribuír a universalizar a práctica deportiva, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Así, o delegado territorial tamén apuntou que todas estas entidades deben conxugar o seu traballo de forma complementaria para consolidar todos os itinerarios do deporte, desde a formación base, pasando pola competición, ata o alto rendemento deportivo. “Todo isto no seu conxunto cumpre unha importante tarefa na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade”, indicou.